Thursday 02 de May de 2024

O BNG solicita abrir as instalacións da Fieiteira que seguen pechadas e potenciar a as actividades deportivas


O BNG ribeirense rexistrou unha iniciativa plenaria para instar ao goberno local a abrir tódolos espazos que se manteñen fechados a día de hoxe no complexo deportivo da Fieitera e a potenciar as actividades deportivas.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lembra que as instalacións deportivas fecharon en marzo de 2020 para evitar o aumento dos contaxios provocados polo coronavirus pero a día de hoxe, máis de 24 meses despois hai espazos da Fieiteira como é a zona de sauna e baño de vapor que seguen clausuradas. “Só se abriu, nos últimos días, a zona de hidromasaxe e hai que retomar a normalidade nas instalacións porque así nolo están demandando moitas persoas usuarias das instalacións” asegurou Barral.

Desde o BNG indican que o feche desta zona do complexo polideportivo municipal contrasta coa situación en que se atopan outras moitas instalacións repartidas por todo Galiza que si permiten o acceso a este tipo de espazos. “Potenciar os hábitos de vida saudábeis é unha obriga do goberno local e, dentro deles, a actividade física é vital para manternos en forma e sans porque reforza o noso sistema inmunolóxico e permite controlar o estrés, a ansiedade e o estado de ánimo” declarou o portavoz nacionalista. Neste sentido, trala práctica deportiva, estas instalacións teñen múltiples beneficios dos que as persoas usuarias non poden desfrutar.

Desde o BNG non entenden os motivos que levan ao goberno local a manter clausuradas estas instalacións mentres que outros concellos si permiten o seu acceso garantindo todas as medidas de seguridade sanitaria necesarias para salvagardar a saúde da poboación. Barral aposta por abrir todas as instalacións cunhas normas claras que garantan o uso seguro por parte da veciñanza e instan a que o goberno local potencie as actividades deportivas da Fieiteira.